Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Frades instala contedores de recollida de aceite usado de cociña en todas as parroquias do municipio


O Concello de Frades vén de instalar contedores para a recollida de aceite de cociña usado en todas as parroquias do municipio. “Trátase dun proxecto para e mellora e protección do noso medio ambiente que está financiado con cargo aos fondos Next Generation da Unión Europea”, explica o alcalde de Frades, Roberto Rey, “polo que decidimos instalar un contedor nos núcleos de cada unha das nosas doce parroquias”.

En total son 14 os contedores laranxa instalados, xa que as parroquias con maior poboación, Abellá e Gafoi, contan con dous bidóns. Para colaborar, a cidadanía só ten que introducir previamente nas súas casas o aceite de cociña usado en recipientes de plástico, para evitar a súa rotura, e despois depositalo no contedor laranxa máis próximo-.

O Concello de Frades resultou beneficiario dunha axuda da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para financiar o proxecto “Implantación de recollida de aceites municipal para o Concello de Frades”, ao abeiro da Orde para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea- NextGenerationEU. Un proxecto que supuxo un investimento de 11.887,04, dos que a axuda concedida pola Consellería de Medio Ambiente ascende a 11.160 euros.

O alcalde de Frades lembra a importancia de reciclar correctamente este tipo de residuo xa que “botar o aceito polo sumidoiro supón a contaminación de 1.000 litros de auga por cada litro de aceite derramado. Ademais, preto de dous terzos do petróleo remata nos sumidoiros e contaminando o medio natural. Así mesmo, tamén son moi prexudiciais tanto para as tubaxes do saneamento como das depuradoras.

A maiores, cando o aceite usado chega aos ríos, lagos ou mares non se mestura coa auga, senón que forma unha capa que non deixa circular libremente o osíxeno, o que afecta de forma directa á flora e fauna do sector.